Xosé Maria Alvarez Cáccamo

Xosé María Álvarez Cáccamo naceu en Vigo (GALIZA) no ano 1950. É profesor de Literatura, poeta e crítico literario. Ten publicado ademais obra narrativa e teatral. É autor de poemas-obxecto e visuais.

Como poeta recibiu o Premio “Esquío” (1986), o Premio da Asociación de Críticos de España (1987), o Premio da Crítica de Galiza (1998), o Premio “González Garcés” (1999), o Premio “Arume de Poesía para Nenos” (2001), o Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega (2004).e o Premio “Irmandade do Libro” (2007).

É autor dos seguintes libros de poemas:  Praia das furnas  (1983), Arquitecturas de cinza (1985), Os documentos da sombra (1986), Luminoso lugar de abatimento (1987), Cimo das idades tristes  (1988), Fragmentos de mar (1989), O lume branco (1991) (traducido ao catalán, Foc blanc, 1994, e ao francés, Le feu blanc, 2008), Colección de espellos (1994), A escrita das aves
de marzo
(1997), Calendario perpetuo (1997), Os cadernos da ira (1999), Vocabulario das orixes (2000), Depósito natural (2002), Vilar dos fillos (2004) e Vento de sal (2008). En Ancoradoiro. Obra poética (1983-2003), editado en 2003, reúnense os seus libros de poesía publicados até o momento e Habitación del mar. Antología, 1983-2003 escolma unha ampla mostra dos seus poemas en edición bilingüe castelán-galego. Manuscritos do ar (2007) é unha antoloxía que inclúe varios poemas autógrafos.

Como narrador publicou  os libros de relatos Microtopofanías (1992) e  A luz dos desnortados (1996) e como autor teatral Monstro do meu labirinto  (1987) e Casa dormida (1988). Memoria de poeta (2006) é un compendio autobiográfico. Tempo do pai (2008) recolle a evocación da vida do seu pai, Xosé María Álvarez Blázquez.

É autor, asimesmo, dos libros de narrativa infantil Pedro e as nubes (1996), Ganapán das palabras (1998), Dinosaurio Belisario (2001) e O segredo do pan (2005) e o libro de poemas para nenos Lúa de pan (2002).

Publicou edicións comentadas dos libros de Celso Emilio Ferreiro Longa noite de pedra (1985) e Onde o mundo se chama Celanova (1991), a edición da Poesía Galega Completa (1987) de Xosé María Álvarez Blázquez, as antoloxías 50 anos de poesía galega. A xeración do 36  (1994) e O libro dos cen poemas. Antoloxía da poesía infantil galega (2002), esta última en colaboración con Marisa Núñez, e as biografías Antón Avilés de Taramancos (2002) e Vida de Antón Avilés de Taramancos (2003).

As súas colaboracións críticas (comentarios, artigos, prólogos, conferencias) están dedicadas fundamentalmente á poesía galega da segunda metade do século XX.